Twitter proba as 'reaccións' aos chíos



Twitter segue probando funcionalidades que parece que levan anos xa noutras redes sociais e que agora serían novidade na súa plataforma. Despois de anunciar o inicio do test para lanzar as «Comunidades» de usuarios, agora a compañía anuncia que comeza a probar as «Reaccións» aos chíos.


Twitter proba as Reaccións en Turquía tanto na web como na súa app móbil

Trátase doutra función que xa incorpora Facebook como alternativa ao «gústame» desde 2017 e que tamén outras plataformas como LinkedIn posúen. Mesmo WhatsApp tamén está a probar a posibilidade de incluír Reaccións ás mensaxes, como informabamos esta mesma semana.

Agora é Twitter a que se sobe ao carro das Reaccións mediante emojis. Segundo confirmou a compañía, comeza a probalas unicamente en Turquía, onde nos próximos días os usuarios terán a posibilidade de responder aos chíos -tanto na web, como nas apps de iOS e Android- con varias emoticonas: un corazón, unhas mans facendo palmas, unha cara chorando da risa, outra chorando triste e outra pensativa.

Segundo sinalou Twitter, trátase dun test que levará a cabo por un limitado espazo de tempo, aínda que tamén confirmou a compañía que podería estendelo a máis países dependendo da resposta dos usuarios e usuarias.

Con esa afirmación, e tendo en conta que as Reaccións noutras redes sociais teñen xerado un maior número de interaccións por parte dos usuarios e usuarias, cabe pensar que pronto Twitter puidese lanzar oficialmente as Reaccións para todas as contas no caso de que as probas teñan resultados satisfactorios.

Isto supoñería que o botón de «gústame» en Twitter permitiría seleccionar, dun menú emerxente, a reacción que se desexase para responder a un tweet. A función daría tamén ao creador dun tweet maior feedback sobre as sensacións ou sentimentos que o seu comentario xerou nos usuarios que reaccionan a el. Ata o de agora, Twitter incorporaba Reaccións, pero unicamente nas Mensaxes Directas. O feito de que no seu sistema de mensaxería privada xa estean implementados reforza a idea de que Twitter lanzará oficialmente a funcionalidade no futuro para a cronoloxía de todos os usuarios e usuarias.