Reaccións en vídeo aos chíos

Estará Twitter copiando a TikTok

Twitter está a experimentar de novo cun formato de vídeo. Trátase dunha función que permitirá aos usuarios reaccionar a un chío mediante un vídeo breve. Os usuarios e usuarias de Twitter poderán citar un chío e reaccionar ao mesmo a través dun vídeo breve a pantalla completa. Estes vídeos poderán utilizarse citando o chío ao cal o usuario quere reaccionar. Na versión de proba que Twitter fixo pública pódese ver como os usuarios atoparán un novo botón ademais dos xa dispoñibles de rechouchiar e citar chio. Esta nova opción di “Citar chío con reacción”, e é entón cando o usuario pode inserir un vídeo ou unha fotografía. O chío orixinal quedará inserido no interior do vídeo como un adhesivo. O concepto é moi similar ao que desenvolveu Twitter nos extintos Fleets. Neles, os usuarios e usuarias da rede social podían compartir un chío coa súa reacción nun formato a pantalla completa. Agora, a intención de Twitter é relanzar esta aposta cun aspecto renovado e integrándoa na cronoloxía dos usuarios e usuarias.