Chegan as comunidades a Twitter

Unha nova ferramenta para publicar contido exclusivo a un grupo de persoas reducido e que comparte mesmas inquietudes.


Twitter puxo en marcha unha nova funcionalidade, as «Comunidades», que non son máis que a posibilidade de compartir información e contidos con grupos exclusivos de usuarios na rede social. É dicir, en lugar de publicar un contido en Twitter que poida ser accesible a todo o mundo (ou polo menos, con todos os seguidores e seguidoras) -unha das esencias da rede social- agora será posible compartir chíos con grupos reducidos de usuarios e usuarias.


Ben é certo que, explicado así, parece algo tan sinxelo como a imitación dos Grupos de Facebook, onde os usuarios e usuarias tamén poden compartir contidos con grupos exclusivos de usuarios. Certamente, as «Comunidades» supoñen levar este concepto a Twitter, onde ata o de agora isto non era posible.


As Comunidades de Twitter xa se están dispoñíbeis para Android e iOS

Así o sinalou a través da conta oficial de Twitter Communities, onde nun vídeo explica que as Comunidades permitirán aos usuarios e usuarias crear espazos temáticos onde compartir e discutir tuits con outros usuarios interesados no mesmo tema. A idea é que se poidan crear conversacións que non sexan para todos os usuarios dentro do propio Twitter. Só os membros desa Comunidade poderán responder e unirse á conversación sempre que o consideren relevante.



As Comunidades serán moderadas polos usuarios e usuarias e iso si, o perfil da Comunidade en Twitter será público, así que calquera persoa, aínda que non pertenza a esa Comunidade, poderá entrar a el e ler os tuits que se compartiron, así como citalos, respondelos ou denuncialos. Isto supón que as Comunidades non son privadas, só que nelas cando un usuario publica un contido non chega á cronoloxía de todos os seus seguidores, senón só ao daqueles usuarios que forman parte da Comunidade. Iso si, calquera persoa pode entrar á páxina da Comunidade e ler o publicado. O Twitter en galego xa creou a súa propia comunidade Galituiter. Un grupo onde compartir experiencias e ideas arredor da lingua galega nesta plataforma social.